Tuesday 14 de May de 2024

O Programa Municipal de Autoprotección e Seguridade nos Centros Educativos consolídase e chega a máis de 40 colexios e institutos da cidade


Na súa segunda edición, Bombeiros e Protección Civil formarán en materia de primeiros auxilios profesorado e escolares que realizarán prácticas de reanimación cardiopulmonar

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, acompañado polo director de Seguridade Ciudadana,Carlos García Touriñán, presentou esta mañá a segunda edición do Programa de Autoprotección e Seguridade nos Centros Educativos desenvolvido polo Servizo Municipal de Educación en colaboración co Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) e Protección Civil. “Seguimos apostando por este programa pioneiro que arrancou o curso pasado co obxectivo de sensibilizar e afondar na información e formación do profesorado e alumnado de Primaria e Secundaria en relación á seguridade, a autoprotección ou os plans de emerxencia nos centros educativos da cidade”, explicouMourelo.
Nesta ocasión, a iniciativa amplía as súas actividades con prácticas de primeiros auxilios para os escolares coruñeses que aprenderán a practicar unha reanimación cardiovascular con manequíns. “O obxectivo é claro: que profesionais cualificados dos servizos municipais de Bombeiros e Protección Civil ensinen aos escolares e profesorado as pautas necesarias para afrontar posibles escenarios de risco nos centros, creando unha mentalidade de prevención e seguridade xeneralizada na nosa comunidade educativa”, destacou o concelleiro de Educación.
En concreto, dende agora e ata o próximo mes de xuño, está prevista a realización dunha intervención educativa en 41 centros da cidade entre centros de Educación Primaria e Especial e institutos de Educación Secundaria. A intervención está composta por dous programas: Programa de Primeiros Auxilios e Programa de Autoprotección e Seguridade.
Programa de Primeiros Auxilios
Consiste en sesións prácticas e participativas, dunha hora de duración en horario lectivo, orientadas a escolares de 6º de Primaria e ao seu profesorado cos seguintes obxectivos:
– Explicar o uso correcto do número 112 e dos servizos de emerxencias.
– Ensinar aos escolares medidas de autoprotección e prevención de accidentes domésticos.
– Aprender a realizar unha reanimación cardiopulmonar, practicando con manequíns dentro da aula.
rograma de Autoprotección e Seguridade nos centros
Está orientado aos membros dos equipos directivos e consistirá en sesións, dunha hora, impartidas por profesionais do Servizo de Bombeiros que teñen como finalidade principal orientar os equipos directivos dos centros que imparten Infantil e Primaria sobre a elaboración dun Plan de Autoprotección e Emerxencias en cada centro.
Este programa educativo, coordinado entre as Concellarías de Educación e Seguridade Ciudadana, dá resposta a unha demanda da comunidade educativa coruñesa. Dende que se puxo en marcha o curso pasado, participaron 5.800 persoas de todas as etapas educativas entre escolares e profesorado e foi o máis valorado de toda a oferta educativa do Coruña Educa, con 9 puntos sobre 10″, concluíu Mourelo.